sábado, 16 de octubre de 2010
"" OS EIDOS 2 "" (1974) Uxío Novoneyra
" Devesa da Rogueira "
Bidueiros cimeiros !
Pena das Augas !
Xardois teixos !
rebelos tocos faías derrubadas !
Camiña da Veneira !
Carreiro dos dez regueiros !
Cereixas de Carnabudo ! Abrotias abrairas
pincheiras e pincheiras !
Eiquí sempre foi bosque.......
Ruxir solo
da fonte do corzo !
Barbas do mofo !
Pingando dos toros !
********
MEU coarto
onde teño o tempo pechado !
Días de tódolos días !
A miña galvana
sabe o fin da vida
como se xa todo fora unha cousa pasada.
O ramallo de prata
dibuxado na cama.
Os ollos dos cuadros
ollando sempre pro meu lado
As figuras de madeira
nas contras e no faio.
As regueiras de sarrio
das goteiras pola parede abaixo
A porta pechada.
A lacena entraberta.
O espello sólo naquelado que retrata
Tempo que encarga
onde ún afonda e non afoga !
********
EI ven o tempo de mazar o liño !
Colgan as mazorcas das solainas.
Cain as castañas nos soutos reprexados.
chega o lonxe ruxir das augas
entre o tróupele - troupele dos mazos
Son das augas ! Doado vir do lonxe !
Expostas a coor i o son do Outono
as nembranzas logo serán pouso sin nome.
********
QUE é a coor do Ucedo ?
Van os tesos pro Inverno ........
É a serra que ó ceo se enleva ?
É o ceo que baixa ?
É a nebra
ou a brétema da ollada ?
Non sein qué agarda a terra
que agarda a alma.
Eu ben sein que é certa a seguranza.
Eu non sein se é certa a seguranza.
Eilí onde o ollar vai e ven un xeito
hai algo certo.
Ben o soupo de nino o ollar pirmeiro.
E inda ha volver teimar a teima.
Por onde me veo ésta certeza
heina volver perder e volver éla. (1962)
Suscribirse a:
Entradas (Atom)